Saturday 04 de May de 2024

A Xunta e os concellos costeiros impulsan unha fronte común para reclamar a xestión efeciva das competencias do litoral


— Ángeles Vázquez reivindica que Galicia “pode e quere” xestionar as autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre, como fan Andalucía e Cataluña, pola súa proximidade e maior coñecemento da realidade litoral e do seu patrimonio

— Rosa Quintana salienta que a transferencia á Comunidade das competencias en materia de litoral facilitaría a súa xestión e poñería fin aos constantes ataques do Goberno central contra o complexo mar-industria galego

— As dúas responsables autonómicas avanzan que o Goberno autonómico empregará “todas as vías na súa man” ata conseguir completar a transferencia iniciada en 1985

A Xunta e os concellos costeiros impulsan unha fronte común para reclamar ante o Goberno central a xestión efectiva das competencias en materia de dominio público marítimo-terrestre.

As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, mantiveron esta mañá en Ribeira unha reunión informativa á que asistiron medio cento de representantes municipais de concellos costeiros co fin de trasladarlles a súa inquedanza ante a negativa do Goberno central a completar o traspaso a Galicia das competencias sobre esta franxa do litoral, na que están asentadas preto de 4.000 edificacións pertencentes a 82 municipios.

Acompañadas polos delegados da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, en Ferrol, Martina Aneiros, e en Lugo, Javier Arias, as dúas conselleiras lembraron que a Lei de costas estatal sinala que, en materia de ordenación do litoral, as Comunidades exercerán as competencias que teñan atribuídas polos seus estatutos de autonomía.

Por esta razón, Ángeles Vázquez reivindicou que Galicia “pode e quere” xestionar as autorizacións e concesións dentro do seu dominio público marítimo-terrestre, como xa fan Andalucía e Cataluña e como, recordou, tamén aspira a facer o País Vasco, Comunidade coa que si está a negociar o Goberno central.

Neste sentido, a titular de Medio Ambiente argumentou que se trata dunha demanda “lexítima” da Xunta, avalada tanto polo principio de proximidade como porque é a Administración que conta cun maior grao de coñecemento da realidade litoral galega e do que representa o seu patrimonio para a identidade da paisaxe costeira.

Tras salientar que a Galicia “se lle está negando” unha xestión do litoral que xa teñen outras comunidades, defendeu que é hora de completar a transferencia das competencias costeiras iniciada en 1985, hai case 40 anos. Un traspaso, engadiu Ángeles Vázquez, que non require dun cambio do Estatuto, senón que se pode abordar a través dun Real Decreto ou ben dunha Lei orgánica, polo que anunciou que o Goberno galego empregará “todas as vías na súa man” para reclamar “o que é xusto para Galicia”.

A conselleira do Mar, pola súa banda, salientou que a transferencia a Galicia das competencias en materia de costas facilitaría á Comunidade a xestión do seu litoral e poñería fin aos constantes ataques do Goberno central contra o complexo mar-industria galego e contra todas as instalacións asentadas no litoral. Rosa Quintana lembrou que moitas empresas non son viables afastadas da costa, polo que reiterou o compromiso do Executivo galego na defensa dos seus intereses e para darlles seguridade xurídica.

A titular de Mar lamentou que as distintas normativas promovidas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico teñen como obxectivo sacar todas as edificacións da costa sen ter en conta o seu impacto tanto na economía como na cidadanía das vilas costeiras. Por iso, a representante da Xunta reiterou a vontade da Administración galega de recorrer ás instancias que sexan necesarias para que a cadea mar-industria teña certezas sobre o seu futuro e poida realizar investimentos.

Plan estratéxico nacional para a costa
Por último, a conselleira de Medio Ambiente referiuse aos sucesivos intentos desde o ano 2019 por parte do Goberno central para modificar a Lei de costas e introducir unha interpretación máis restritiva sobre a xestión da ordenación do litoral, unha situación que definiu como “un auténtico pesadelo” para a Xunta e os concellos galegos afectados.

Neste sentido, explicou que esta mesma tarde o Ministerio presentará a chamada “estratexia da costa libre”, un plan encargado polo Executivo central a un consorcio e que utilizou como punto de partida os resultados dun cuestionario “de percepción” sobre o litoral, remitido ás comunidades e a outro tipo de entidades de todo o país, en lugar de basearse nos datos e estudos existentes ao respecto.

Así, Vázquez Mejuto indicou que “a inquedanza agora é aínda maior” porque o que di o Goberno central neste plan estratéxico é que aspira a ter “unha costa libre e sen nada no dominio público marítimo-terrestre” e para elo, avoga por acometer unha “retirada paulatina e controlada” dos seres humanos da costa.